Sunday 28 de April de 2024

O Concello inicia os traballos para remodelar o parque infantil de Ribeira Sacra, en Novo Mesoiro, onde se crearán 13 prazas adaptadas en xogos inclusivos


Está prevista a substitución dos antigos xogos, para a posterior instalación dun novo pórtico-bambán e unha randeeira inclusiva

O Concello puxo en marcha este martes os traballos de mellora previstos no parque infantil da rúa Ribeira Sacra, no barrio de Novo Mesoiro, onde se introducirán novos xogos inclusivos que permitirán a creación de 13 prazas adaptadas para nenas e nenos con mobilidade reducida.

Esta iniciativa dá continuidade ao plan de execución dunha proposta que xurdiu a través dos Orzamentos Participativos, que abrangue intervencións similares noutros catro parques infantís da cidade: na praza de Pontevedra —onde os traballos comezaron a mediados de maio—, na praza Casares Quiroga —coas obras en marcha desde inicios deste mes—, a praza Elíptica (Os Rosales) e o parque de Vioño.

En todos eles o Goberno de Inés Rey ten previsto acometer unha remodelación dos accesos ás instalacións de xogo, ademais de melloras no pavimento, mudando os pisos de area por un firme de caucho, co obxectivo de reforzar a seguridade e comodidade das pequenas e pequenos.

Esta semana instalouse o valado perimetral na área infantil de Ribeira Sacra

No caso do parque infantil Ribeira Sacra, as obras iniciáronse esta semana coa disposición do valado perimetral necesario para acoutar a zona de intervención.

Os traballos de remodelación na área infantil levaranse a cabo en 160 metros cadrados onde está previsto substituír os antigos xogos por novas estruturas. A este respecto, no sector oeste do parque instalarase un novo pórtico-bambán, con capacidade para 7 persoas usuarias, e que inclúe un asento-cesta (para 5 persoas usuarias), un asento con cadeira adaptada (para 1 persoa usuaria) e un asento-berce (para 1 persoa usuaria). Ademais, no sector leste habilitarase unha randeeira inclusiva con capacidade para 6 persoas usuarias.

As dúas novas estruturas de xogo seguirán estando cubertas polas dúas pérgolas de protección xa habilitadas na actualidade.

Neste sentido, o plan de traballo establece que as melloras nos parques infantís de Novo Mesoiro, praza de Pontevedra, Os Rosales, Vioño e Elviña completaranse nun prazo máximo de seis meses.